Andrés Vázquez García: «As prácticas déronme uns coñecementos máis profundos dos vistos na clase»
- cunchasmagazine
- 8 dic 2021
- 3 Min. de lectura
Este alumno do grao en Dereito da Universidade de Santiago de Compostela vén de ser distinguido como o mellor valorado nas prácticas externas extracurriculares do Consello Social
Silvia Caeiro | 8 diciembre, 2021

Andrés Vázquez García comezou o mes de novembro sendo distinguido como o alumno mellor valorado nas prácticas externas extracurriculares que convoca o Consello Social da USC. Este alumno, que actualmente se atopa cursando o terceiro ano do grao en Dereito, realizou as súas prácticas na oficina da Valedora do Pobo durante os meses de xuño e xullo pasados e recibirá un bolseiro por valor de 1.500 euros en recoñecemento á excelencia e ao esforzo desenvolvido na súa estancia na institución.
Como te sentiste cando che comunicaron que eras o alumno mellor valorado nas prácticas externas extracurriculares do Consello Social?
Foi unha sorpresa porque había bastantes persoas que fixeron prácticas extracurriculares co Consello Social e moita xente que foi valorada positivamente. Recibir este premio supón unha satisfacción, por suposto, e ademais supón a guinda a unha experiencia de prácticas moi satisfactoria para min.
En que consistiron as prácticas? Cales eran as tarefas na oficina da Valedora do Pobo?
A Valedora do Pobo é unha institución que está inscrita ao Parlamento de Galicia. A súa definición legal é ‘o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e das liberdades recoñecidas no Estatuto de autonomía na Constitución’. A institución da Valedora recibe queixas e consultas dos cidadáns dirixidas ás administracións públicas de Galicia (principalmente a Xunta, as Deputacións e os distintos Concellos). O cometido desta oficina é, por unha banda, analizar esas queixas e examinar cal é a Administración que está afectada. Esta oficina da Valedora do Pobo non é unha persoa soa evidentemente, son 20 que están alí traballando, fundamentalmente 5 ou 6 responsables de cada área. Nestas distintas áreas se van distribuíndo as queixas, por exemplo en delitos lingüísticos, disgregación por orientación sexual ou identidade de xénero, dereitos lingüísticos, cultura, educación, urbanismo, medioamebiente, vivenda… unha vez as queixas se reparten a responsable de área envíalle a correspondente comunicación á Administración afectada para que esta se informe no que explica a queixa. En vista do informe que proporciona a Administración, este pode ser unha finalización con resposta positiva: a administración da unha xustificación adecuada ou entende e informa de que o problema está solucionado. Pola contra, se se considera que a resposta da Administración non é adecuada o que pode facer a Valedora é dirixir un recordatorio, unha recomendación, unha suxestión, etc. Estas son solucións que non son vinculantes pero as Administracións teñen que contestar.
Como valorarías a experiencia? Recomendaríala a outros estudantes?
Sí. Eu recomendo as prácicas, non só á xente de último curso que é o típico, tamén a aqueles que estean en outros cursos nos que se poden pedir estas prácticas extracurriculares. Non teñen un recoñecemento a nivel de créditos na carreira, pero permiten que unha persoa vaia tomando contacto coa realidade profesional, co que lle gusta e non. Por outro lado, tamén se poden poñer en práctica os coñecementos da carreira, que se vexa que non son unha mera teoría senón que hai unha traslación práctica, e velo sobre todo con casos reais.
Sínteste mellor preparado para afrontar o mundo laboral?
Sí. As prácticas foron breves, apenas un mes (do 14 de xuño ao 9 de xullo), pero sinto que foi unha experiencia moi positiva. Eu en maio estaba examinándome de recursos administrativos e en xuño estaba resolvendo recursos administrativos. En xaneiro examineime de delitos fundamentais e liberdades públicas e en xuño estaba en contacto con casos reais nos que eses dereitos se veían vulnerados e había que darlles unha resposta. Realmente sí que me sinto máis preparado,a pesar da brevidade do proceso, pero dende logo deume unha visión e uns coñecementos moitísimo máis profundos dos que puidemos ter visto nas clases con casos que, ao final resolves alí, pero que non son casos que coñeces de primeira man.
As prácticas axudáronche a enfocar os teus desexos de cara ao futuro profesional?
Eu xa tivera contacto coa institución da Valedora do Pobo antes de realizar as prácticas. No ano 2018 a Valedora do Pobo anterior realizou unha serie de actos polos disitntos concellos de Galicia para tomar as queixas dos veciños e presentarse ante a cidadanía. A partir dese momento coñecín a institución da Valedora e comecei a presentar as queixas, non só as miñas, tamen as dos meus achegados. Era un mundo que me interesaba moito, e ver como funciona por dentro reafirmou a miña atracción cara ao dereito institucional e o dereito administrativo. Sen embargo, son moi indeciso e non teño nada claro en canto ao que me quero dedicar, aínda que agora xa sei que iso me gusta.
Comments