As universidades galegas e a Xunta acordan as bases do Plan de Financiamento Universitario
- cunchasmagazine
- 17 nov 2021
- 2 Min. de lectura
De xeito paralelo, a administración autonómica e as institucións académicas
traballarán de xeito inmediato na definición dun plan de infraestruturas
Redacción | 3 de novembro, 2021

Os reitores das tres universidades públicas galegas presentaron a semana pasado xunto ao conselleiro de Cultura Educación e Universidade, Román Rodríguez, as bases do Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026, un documento acordado entre as partes que mobilizará máis de 3.200 millóns de euros no vindeiro quinquenio. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, subliñou que é “moi boa noticia que Galicia siga mantendo un plan de financiamento do sistema universitario para cinco anos máis”. Trátase dunha “peza absolutamente esencial” para que as universidades poidan operar con autonomía como se afirma na súa regulación. “Temos que ter certeza e previsión sobre cal é o noso escenario financeiro. E esta certeza achégaa un plan de financiamento”, engadiu.
A maiores destas contías, as partes traballarán na definición dun plan en materia de
infraestruturas que está previsto que comece a impulsarse a inicios de 2022. O reitor da USC quixo poñer o foco en como de xeito parello ao Plan de Financiamento que se ocupa de cubrir o funcionamento ordinario da Universidade, este programa en materia de infraestruturas atenderá as necesidades específicas de cada institución logo duns anos nos que por falta de recursos “as infraestruturas sufriron falta de atención”. Deste xeito, traballarase na construción de novos equipamentos, o seu mantemento ou a rehabilitación dos xa existentes. No acto tamén participaron o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o da UDC, Julio Abalde.
“Estamos diante dun acordo dunha gran transcendencia para as universidades galegas pero
por suposto, por extensión, para o conxunto da sociedade tendo en conta o papel central que estas institucións ocupan na nosa sociedade”, explicou o conselleiro. “Un verdadeiro acordo que permitirá consolidar o papel das nosas universidades como referente dentro e fóra de España e que demostra que a capacidade de diálogo, a coordinación e a cooperación entre as administracións públicas son a chave para acadar acordos de país que nos fan avanzar como sociedade”, salientou.
Comments