top of page

O Centro Dramático Galego arrancou onte os ensaios de ‘ás oito da tarde cando morren as nais’

  • Foto del escritor: cunchasmagazine
    cunchasmagazine
  • 25 nov 2021
  • 2 Min. de lectura

O equipo artístico e de interpretación prepara a posta en escena da obra creada a partir da dramaturxia de AveLina Pérez


María Abril | 24 de novembro 2021


O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta, comezou a primeira fase dos ensaios do seu novo espectáculo de produción propia, "Ás oito da tarde cando morren as nais", baixo a dirección de Marta Pazos. Así, o equipo artístico e de interpretación traballa xa na posta en escena da peza creada a partir da dramaturxia de AveLina Pérez galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2018, cara á súa estrea en abril de 2022 no Salón Teatro de Santiago de Compostela.


Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Esperante, Davide González, Alba Loureiro, María Llanderas e Toni Salgado forman o elenco desta montaxe. Con eles a directora pontevedresa volve á compañía pública galega despois de ter dirixido en 2017 "Martes de Carnaval" e nun momento no que está a colleitar un gran éxito en distintas entidades e estruturas teatrais do resto do Estado.


"Ás oito da tarde cando morren as nais" é unha comedia sobre a relación entre quen está en escena e o público, un xogo metateatral no que a audiencia é o centro e un canto coral sustentado no absoluto baleiro. O teatro, lugar de encontro, cédelle o seu espazo ao espectáculo da estupidez, nun xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e cunha mirada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción.


Ademais deste espectáculo, o CDG producirá para a nova temporada A peste, unha adaptación teatral da obra de Albert Camus dirixida por Cándido Pazó e cuxos ensaios comezarán no Salón Teatro nos vindeiros días. Neste caso, a estrea será en xaneiro.


As dúas producións enmárcanse na aposta do CDG pola dramaturxia galega contemporánea e polos clásicos, en liña coas xa realizadas este ano: a adaptación dun clásico, como é O charco de Ulises (actualmente en xira) e de dramaturxia galega contemporánea, con Terceiro acto e Serva me, servabo te. O obxectivo é garantir a pluralidade na escena.

Comments


© 2023 by Train of Thoughts. Proudly created with Wix.com

bottom of page