top of page

Todo o que hai que saber sobre a "Ley Trans": medidas e polémica

  • Foto del escritor: cunchasmagazine
    cunchasmagazine
  • 10 nov 2021
  • 3 Min. de lectura

Nagore Acuña | 10 de novembro, 2021


A ministra de Igualdade, Irene Montero, na entrega dos premios 1º Reconocimientos Arcoíris

En xuño deste mesmo ano foi aprobado o anteproxecto da denominada Ley trans pero actualmente segue en proceso de tramitación. O pasado 5 de novembro conseguiuse formalizar un dos obxectivos do proxecto, a reprodución asistida para persoas trans con capacidade de xestar, pero pese a este paso adiante a posta en marcha de todas as medidas segue sen ter unha data clara. Esta lei goza de gran presenza nos medios de comunicación debido á polémica que suscitou pero segue existindo gran descoñecemento sobre os puntos que aborda.


O obxectivo principal desta iniciativa é conseguir a libre autodeterminación de xénero, é dicir que unha persoa poida cambiar o seu nome e xénero no DNI só coa súa vontade. Esta medida permitiría deixar atrás a necesidade de informes médicos para xustificar a modificación e a obrigación de someterse a anos de hormonación. O texto permite o cambio legal de sexo a partir dos 12 anos e está organizado por tramos de idade. As persoas de entre 12 e 14 anos poderían solicitalo mediante autorización xudicial mentres que as de 14 a 16 poderían facelo co consentimento dos seus representantes legais. Finalmente, as persoas maiores de 16 anos poderían requirilo por elas mesmas sen necesidade de cumprir ningún criterio. A maiores establécense accións positivas para favorecer o acceso de persoas LGTBI ao emprego, especialmente para as mulleres do colectivo trans.


O texto recolle moitos outros puntos ao marxe da medida de autodeterminación de xénero, que se instaura como a máis recoñecida e resoada. Pretende conseguir a prohibición das terapias de conversión, prácticas destinadas a modificar a orientación e identidade sexual dunha persoa. Co obxectivo de loitar pola liberdade individual considérase unha infracción grave e establécese un castigo económico de ata 150.000 euros. Tamén aborda a cuestión da filiación dos bebés nacidos de mulleres non casadas. Ata agora no caso das parellas heterosexuais era suficiente con que o varón asumise a paternidade para poder tramitala filiación pero no caso dunha parella de mulleres iso non era permitido, esixíase que a parella da nai biolóxica pasase polo proceso de adopción para que puidese figurar como proxenitora. Polo que a Ley trans inclúe unha modificación do artigo 120 do Código Civil e instaura que para a filiación non matrimonial será suficiente con que no momento do nacemento se faga unha declaración formal, independentemente da orientación sexual.


Doutra banda, lexislaranse por primeira vez os dereitos para as persoas intersexuais. As persoas intersexuais son aquelas que nacen cunha anatomía reprodutiva que non se axustan ao que tradicionalmente se considera masculino ou feminino. As veces, cando nace un bebé intersexual o equipo médico sométeo a unha ciruxía para que o seu corpo coincida coas ideas binarias que se teñen do sexo: feminino e masculino. Con esta lei esta practica chegará ao seu fin, as persoas intersexuais non deberán sufrir mutilacións nin cirurxías se non é por motivos de saúde. Ademais non terán que ser inscritas cun sexo determinado durante o primeiro ano de vida.


Para poder coñecer a diversidade sexo-afectiva e familiar das persoas LGTBI é preciso acceder a información de calidade. Por este motivo, a iniciativa propón a introdución de contidos sobre diversidade LGBTI no temario educativo. A maiores ás Administracións fomentarán a introdución de referentes LGBTI e promoverán programas de educación sexual.


A gran polémica

Cando se fixeron públicos os puntos que abordaría o anteproxecto de Ley para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI houbo unha cuestión que ocasionou gran tensión entre diversos sectores da sociedade. Foron moitos os que consideraron que a nova lei de autodeterminación deixaría desprotexidas as mulleres, pois críase que a posibilidade de cambio de sexo sen necesidade de xustificación faría que os agresores se beneficiasen dela para rebaixar as súas penas. Esta problemática é abordada dentro do texto, establécese que tras o cambio de sexo e rexistro no DNI non se eliminarán as obrigacións xurídicas que a persoa tivese con anterioridade, en particular as que forman parte da Lei Integral contra a Violencia de Xénero de 2004.


Comments


© 2023 by Train of Thoughts. Proudly created with Wix.com

bottom of page