A «vida senlleira» de Darío Xohán Cabana
- cunchasmagazine
- 18 nov 2021
- 2 Min. de lectura
Dende Cunchas, lamentamos o pasamento do escritor e tradutor, unha das plumas imprescindibles da literatura galega contemporánea
Amara Fontao | 17 novembro, 2021

Agroumou na Terra Chá un día de primavera do 1952 Darío Xohán Cabana. Medraría nunha familia labrega até que nas súas pólas verdearon as follas do que escribe «por razóns patrióticas, por escribir en galego». O seu «amor desesperado pola terra galega, que chegaba mesmo a ser un sentimento físico, real», deixounos en herdanza unha longa listaxe de poemarios e novelas claves na nosa literatura, ademais de traer clásicos universais de Dante, Petrarca ou Diderot.
Veño buscarte a pé pola verea,
pois anque sei que o tempo escorre e pasa,
non sei facer, nin quero, táboa rasa
do tempo meu que sobre o teu estea.
Sinto que dentro un río me alapea,
e deito a miña ollada que se arrasa
por estas chousas nosas e esta casa
na que eu nacín, e agora é casa allea.
Considero a herballada que consume
cada leiro que agora xa non labras,
e o baleiro de ti, e o pesadume;
e anque tu endexamais a porta lle abras
pra te vires quentar conmigo ó lume,
eu érgoche outra casa de palabras.
O seu compromiso co país, ao que se lle podería dicir a casa de todas e todos, e o pensamento comunista de seu pai levaron a Darío Xohán Cabana a participar, primeiro, da Unión do Povo Galego e, despois, da Fronte Popular Galega onde tamén militaba Ferrín. Foi precisamente esta outra gran voz da lírica galega a que respondeu ao discurso de ingreso de Darío na Real Academia Galega, no ano 2006. Ocupou a cadeira que deixara baleira o seu amigo Manuel María, falando precisamente na súa disertación sobre a xeración dos anos 50, que «nun tempo miserable, conseguiu facer da literatura galega un sistema sólido, variado e moderno».

O seu compromiso político tamén o levou a ser representante sindical liberado da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) —antecesora da actual Confederación Intersindical Galega (CIG)— e está latente na súa produción lírica.
Venceredes vós,
romperedes a infinda
cadea que nos une
coas trabes do mundo,
pero nosoutros
mergullamos a boca
nos mil ríos de sangue
que estercaron a patria,
e no noso partido
militan todos os defuntos
que nos poñen aínda
a bosta nas zocas,
o cheiro a argazo nos fuciños,
a terra que xa son nas unllas.
E as feridas de ferro
ou negro chumbo de pólvora
nos corazóns atribulados.
Nos primeiros tempos a escrita de Darío Xohán Cabana centrábase precisamente na poesía, con obras coma Home e terra, Romanceiro da Terra Chá ou Ábrelle a porta ao día. Porén, nos últimos tempos cultivou máis a narrativa, con títulos imprescindibles coma Vidas senlleiras ou Morte de rei, na que aborda en clave de novela os tempos de García II Galicia. Tamén publicou novelas infantís e xuvenís, coma O avión de Cangas.
Ademais da súa faceta coma escritor e tradutor, desenvolveu moi diferentes traballos coma vendedor de libros a domicilio, garda municipal en Corcubión ou encargado de garda de edificios culturais do concello de Lugo. Publicou diariamente un encrucillado para La Voz de Galicia durante 34 anos e foi membro do consello de redacción da revista trimestral A Trave de Ouro.
Agardamos que a Darío a terra lle sexa leve.
Комментарии