Libros para agasallar: un pouco de teatro
- cunchasmagazine
- 8 dic 2021
- 2 Min. de lectura
Dende Cunchas recompilamos varias series de libros para facerche máis sinxela a procura do regalo de Nadal perfecto
Amara Fontao | 8 decembro, 2021

Foi un xénero moito máis cultivado noutras épocas, anteriores ao boom da novela, mais quizais por iso fará un agasallo máis orixinal e sorprendente. Dende Cunchas achegamos esta segunda escolma, que ten coma obxectivo que non quede lector sen libro baixo a árbore de Nadal sen que sexa un drama a busca literaria. Sen máis demora, que comece a obra!

La dama del alba
Alejandro Casona
Editorial Cátedra
Ano 2006
Lingua Castelán
Páxinas 160
Prezo 9,00€
Cunha aureóla poética, pegadas de mitoloxía telúrica e unha paisaxe asturiana, esta obra narra a desaparición de Angelica, a suposta presenza dunha aldea que pervive baixo un río e da única certeza que comparten tódolos seres humanos: a morte. Recoméndase a calquera que queira ler tópicos literarios coma fugit irreparabile tempus dunha forma moi afasta precisamente do tópico.

Freshwater. Una comedia y textos breces sobre teatro
Virginia Wolf
Editorial El Cuenco de Plata
Ano 2012
Lingua Castelán
Páxinas 144
Prezo 16,00€
A Virginia Wolf ensaísta —a de Un cuarto de seu— ou a novelista —a de As ondas ou A señora Dalloway— seguramente sexa máis coñecida. Mais a súa obra dramática con este Freshwater ofrece un perfil menos consabido da célebre autora. Estreada o 18 de xaneiro do 1935, esta comedia supuxo un antecende do teatro do absurdo e converteuse nunha obra de culto.

Os vellos non deben de namorarse
Daniel Rodríguez Castelao
Editorial Galaxia
Ano 2004
Lingua Galego
Páxinas 124
Prezo 14,90€
Nesta escolma non podía faltar unha das obras teatrais máis coñecidas, influíntes e simbólicas —por quen a escribiu— das nosas letras. Como é característico da Xeración Nós, Castelao fusiona neste libro a tradición galega coas correntes renovadoras do teatro europeo, á vez que bota man do tema do amor, por chamalo dalgún xeito, entre rapazas e vellos. A día de hoxe non sería un tema en absoluto desfasado, mais a obra foi estreada no exilio arxentino no ano 1941.

La fundación
Antonio Buero Vallejo
Editorial Espasa
Ano 2010
Lingua Castelán
Páxinas 256
Prezo 8,95€
Cando non se pode escribir sobre a realidade, a ficción torna en pseudónimo. Así fixo Buero Vallejo nesta obra estreada un ano antes de morrer Franco, e que trata a vida de cinco homes que semellan traballar para unha Fundación. O autor non só denuncia a falta de liberdades, a represión e a crueldade do réxime franquista, senón que tamén hai unha segunda lectura na que se dá a entender que a vida é un encerro permanente, coa ameaza constante da morte.

El arte de la entrevista
Juan Mayorga
Editorial Ministerio de Cultura
Ano 2015
Lingua Castelán
Páxinas 104
Prezo 10,00€
Nesta obra móvense cinco personaxes e un deles nin sequera é humano. Tres mulleres —avoa, filla e neta— viven baixo un mesmo teito, un home que é un intruso e unha cámara que ten o efecto dunha bomba; así se articula esta historia. A cámara resignifica os días vividos, converténdoos en dor, mais tamén en esperanza polo futuro.
Kommentarer