top of page

Falece Almudena Grandes e os derrotados visten de loito

  • Foto del escritor: cunchasmagazine
    cunchasmagazine
  • 1 dic 2021
  • 4 Min. de lectura

A gran novelista madrileña foi despedida no Cemiterio Civil de Madrid por unha multitude de familiares, amizades, lectores, políticos e persoeiros do mundo da cultura


Amara Fontao | 17 novembro, 2021



O máis importante non é o final da novela, senón todo o que vai acontecendo nela. Se algo caracteriza a meirande parte das novelas de Almudena Grandes é a importancia do transcurso da vida, algo que ela sen dúbida ela aproveitou nos sesenta e un anos que chegou a vivir.


«Despois comecei a comprender que o tempo nunca se gaña, e que nunca se perde, que a vida se gasta, simplemente» escribira Almudena en Malena no es un nombre de tango. O pasado luns 29 de novembro, centos de persoas acudiron portando un libro en homenaxe á escritora ao enterro da novelista, onde soou Noche de boda de Sabina e onde o seu viúvo, Luis García Montero, recitou un poema na súa memoria:


Como el cuerpo de un hombre

derrotado en la nieve,

con ese mismo invierno que hiela las

canciones

cuando la tarde cae en la radio de un coche,

como los telegramas, como la voz

herida

que cruza los teléfonos nocturnos

igual que un faro cruza

por la melancolía de las barcas en

tierra,

como las dudas y las certidumbres,

como mi silueta en la ventana,

así duele una noche,

con ese mismo invierno de cuando

tú me faltas,

con esas misma nieve que me ha

dejado en blanco,

pues todo se me olvida

si tengo que aprender a recordarte.


O compromiso social de Almudena traspasaba a literatura e formaba parte activa da sociedade actual. «A súa aportación ao debate público en España era fundamental, con posicionamentos políticos claros, sempre da beira das máis. Un pasamento moi triste que nos deixa orfos», afirma un lector, Pablo Calviño.


Para outra lectora de Almudena a noticia foi «debastadora, por ser brillante no que facía e pola mágoa de que a súa obra quede incompleta». O cancro que padecía non só levou a vida da escritora, tamén as dos infinitos personaxes que habitarían tódolos libros que lle quedaban por escribir, nomeadamente Mariano en el Bidasoa. Este sería o sexto e último tomo dos Episodios de una guerra interminable, que naceron da admiración de Grandes por Benito Pérez Galdós e da extensísima documentación que non chegou a empregar ao escribir El corazón helado.



'Episodios de una guerra interminable'

ou como devolver a dignidade aos derrotados


A novela histórica é ese marabilloso mundo no que convive a liberdade da imaxinación coa realidade que moitas veces, como se adoita dicir, supera a ficción. A formación de Almudena Grandes, licenciada en Historia, explica non só o seu interese por novelar o período da Guerra Civil española e o franquismo, senón tamén a completísima documentación sobre a que se erguen as cinco novelas que chegou a publicar no marco deste proxecto narrativo.


A complexidade e a profundidade dos personaxes resulta clave para entender a prosa de Grandes, no referente ao artellamento individual de cada un e, en especial, á interrelación entre eles e a coherencia coa que se moven os centos de personaxes en cada unha das novelas, porque non só traballa os personaxes principais, tamén mima con moitísimo coidado os secundarios. A forma na que caracteriza esta infinidade de persoas —as reais e as ficticias— non se sustenta en descricións, senón que os lectores e as lectoras chegan a coñecelas ao acompañalas ao longo das súas vivencias e actuacións no lugar e no momento histórico que a cada quen lle tocou vivir. Porque se hai algo tan real como a vida mesma nos Episodios de una guerra interminable é que ás persoas non as definen as palabras; defínenas os feitos. A obra menos lograda neste sentido foi precisamente a última, publicada no ano 2020, La madre de Frankenstein, moi centrada nos protagonistas en comparación ás catro novelas anteriores.


A mestría coa que Grandes fia as historias que compoñen estas novelas é indescriptible, sobre todo ao ter en conta que os libros non son unha continuación do anterior, mais están completamente vencellados. Desta forma, ademais de permitir lelos na orde que se desexe, chegamos a coñecer a adolescencia e xuventude dun personaxe que xa coñecemos coma adulto anteriormente. O estilo narrativo da novelista é moi persoal e característico, aínda que quizais o amosaba máis en El corazón helado, ca nesta colección. As palabras que escribe semellan ter un dinamismo natural, sabendo transmitir non só o significado da historia senón tamén os sentimentos e emocións que acompañan aos protagonistas e personaxes secundarios.


Entre obras como Inés y la alegría e El lector de Julio Verne sorprende unha certa heteroxenidade na disposición da información máis puramente histórica. Mentres que o primeiro libro ten breves capítulos nos que unicamente se narran acontecementos verídicos no medio de episodios máis extensos e dun carácter moito máis de novela —ao estilo de Galdós—, outros libros coma o segundo mencionado son máis lixeiros neste sentido. Iso si, onde Grandes sempre demostra a consistencia da documentación que se basea é nos textos cos que sempre rematan as obras e que explican como foi o proceso (especialmente interesante cando as historias llas contan lectores seus descendentes das persoas que as viviron).


A extensión de cada unha das obras que compoñen Episodios de una guerra interminable, que non é cousa menor, está completamente xustificada. Non falta nin sobra unha única páxina. É unha auténtica marabilla a forma na que pon unha palabra atrás doutra Almudena Grandes, toda a vida que leva creado e toda a vida que nos ten dado aos que a lemos.







Comments


© 2023 by Train of Thoughts. Proudly created with Wix.com

bottom of page