Coñecer como é unha pequena libraría dende dentro
- cunchasmagazine
- 15 dic 2021
- 3 Min. de lectura
As libreiras de Numax, María e Mariña, contan como é o seu traballo e os retos aos que se enfrontan dentro do sector editorial
Amara Fontao | 17 novembro, 2021

Entrar en Numax significa redescubrir esa sensación de que por moitos anos que se vivan nunca van ser os suficientes para ler tódolos libros que se queren ler, para ver tódolos filmes que se queren ver... para gozar de toda a arte da que se quere gozar. Trátase dunha cooperativa sen ánimo de lucro onde persoas de diversos eidos da creación e da difusión cultural decidiron colaborar para faceren xuntos o que estabamos afeitos a facer por separado. É a un mesmo tempo un cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual.
María e Mariña son os nomes das dúas libreiras que traballan neste pequeno establecemento e cuxa sonoridade, ditos así de seguido, resulta moi doce. Como cando ao aprendermos a ler dicimos iso de «mi mamá me mima». María explica que, malia seren unha libraría xeralista, «si é certo que hai algunhas seccións coma cinema ou pensamento teñen máis peso ca outras». Porén, a vocación é de ter un un pouco de tódalas seccións que ten unha libraría normal «pero nun formato mini». Porque traballan cun modelo de distribución sen almacén. Isto implica unha moi importante labor de selección de tódolos libros que entran. «Como é sabido, o mercado editorial non para de producir lanzamentos e hai unha cantidade de títulos inxente que cómpre inspeccionar», afirma Mariña,
Ao seren preguntadas pola cantidade de libros que len ao mes, Mariña di que ultimamente «le menos por unha cuestión de horario laboral, se cadra sobre quince libros ben lidos, ademais de moitos outros aos que se lles bota o ollo». María, que ten as mañás libres, non sabería dicir un número. «Ao estar todo o día entre libros e ter entre as mans as últimas novidades, a tentación é infrenable», bromea Mariña.

Mariña: «En relación á crise do coronavirus, hai un sentimento de alegría no sentido de notar que a xente le máis, mais tamén de inquedanza polo que vaia acontecer nun futuro próximo»
A crise sanitaria do coronavirus e todo o que conlevou para a economía non fixo que a libraría Numax pasase por un mal momento. De feito, fixo que o mercado editorial medrase, ao moita xente retomar ou incrementar o hábito de lectura nestes tempos de confinamentos. Porén, a particularidade desta libraría de cinema é algo distinta, ao diminuír o tránsito de xente que merca un libro á saída de ver un filme. «Hai un sentimento de alegría no sentido de notar que a xente le máis, mais tamén de inquedanza polo que vaia acontecer nun futuro próximo», expón Mariña. Estas problemáticas ás que se refire veñen dunha falta de suministros, nomeadamente de papel, que se nota nos cambios dos plans editoriais, polo que se retrasa a publicación de novos títulos.
No día a día, María e Mariña non só escollen a mercancía que venderán, tamén deben dispoñela na «posta en escena» que é a libraría e atenden pedidos online. Ademais, inciden na importancia estar ao día dos temas e dos persoeiros dos que se está a falar, da actualidade, e así poder recuperar títulos que sexan de interese. Falar cos lectores tamén é outro xeito de ler; foi así como Mariña aprendeu moito este ano sobre literatura xaponesa da man dun novo cliente.
Remata esta segunda lectura do traballo nunha pequena libraría con algunhas recomendacións literarias que nos deixan as mulleres que fan que este lugar teña vida propia. Tempo tardade de Raquel Miragai, Virtudes y misterios de Xesús Fraga ou Las primas de Aurora Venturini son algúns dos títulos que destacan, mais a forma de descubrir moitos máis pasa por visitar esa pequena libraría do teu barrio.

Comments