top of page

Bernardino Graña, unha vida

  • Foto del escritor: cunchasmagazine
    cunchasmagazine
  • 6 nov 2021
  • 2 Min. de lectura

Os Premios da Cultura Galega veñen de recoñecer a traxectoria do cangués, quen desenvolveu unha extensa e intensa obra literaria e asociativa


Amara Fontao | 5 de novembro, 2021



Catedrático en lingua e literatura e profesor en diferentes institutos de todo o Estado español, profesión que mesturada coa súa vocación de escritor levaron a Bernardino Graña a escribir nada máis e nada menos ca vinte e dous libros infanto-xuvenís, ademais de sete novelas, tres obras dramáticas e once poemarios. Aos seus oitenta e nove anos, o cagués vén de ser galardoado este mércores tres de novembro na categoría de Letras dos Premios da Cultura Galega, que recoñeceron a súa traxectoria.


Bernardino Graña foi unha desas figuras da nosa literatura imprescindibles na reivindicación e recuperación do galego durante e após a longa noite de pedra que foi o franquismo. Formou parte da xeración das Festas Minervais, aquel grupo de autores entre os que tamén destacan Méndez Ferrín, Manuel María ou Uxío Novoneyra, que non viviron a Guerra Civil mais desenvolven unha visión crítica da realidade. Esta conciencia social e política leva a Bernardino Graña, xunto a outros intelectuais galegos, a crear en Madrid o grupo Brais Pinto, de corte antifranquista e galeguista, que pulaba pola renovación da cultura galega.


O afán do escritor cangués pola dinamización das nosas letras tamén o levou a impulsar a Asociación de Escritores en Lingua Galega, da cal foi o primeiro presidente, e dende o 2010 é membro da Real Academia Galega.


Dos conxunto de páxinas que conteñen a súa escrita é imposible ignorar o enorme volume que resulta daquelas adicadas a literatura infantil e xuvenil, un xénero no que a día de hoxe se publican moitas novidades na nosa lingua, mais pioneiro nos anos nos que o comezou a cultivar Bernardino Graña. Sen dúbida, debeu ver a importancia desta literatura para os máis cativos, non só de cara a “formar canteira”, senón polo potencial creativo e artístico que ten un xénero a miúdo infravalorado.


Amor, amar e mar son palabras moi presentes na súa lírica, que ten sempre coma elemento centrar a súa xente e a súa terra. Así remata a homenaxe que rende Cunchas Magazine a Bernardino Graña, de quen deixamos os seguintes versos do poemario Se o noso amor e os peixes…; porque ler a Bernardino Graña sempre é unha boa idea.



Case morto vivín sen coñecerte

aló na chaira seca por absurdas rúas

onde ninguén me soupo dar mornura.

Foi soedade desconforme adentro

e a semente a caír en terra dura.


¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?


Erguinme e vinte ó regresar á terra

como se fora todo aquelo un soño

pesado e ti xa foras sempre miña.

Foi outra vez materno en aloumiño

o bico teu na lingua.

E foi de novo corazón adentro

comprender a existencia e a dozura.


¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?



Comments


© 2023 by Train of Thoughts. Proudly created with Wix.com

bottom of page