top of page

Lois Alcayde: «Compostela é unha cidade cun xogo estético moi interesante para a escrita»

  • Foto del escritor: cunchasmagazine
    cunchasmagazine
  • 17 nov 2021
  • 3 Min. de lectura

O autor d’Os jeans de María fala sobre como se apañan as historias por lugares como Santiago, onde se está a doutorar en Ciencias da Comunicación


Amara Fontao | 17 novembro, 2021



Escritor, xornalista e doutorando na Universidade de Santiago de Compostela, con tan só 24 anos Lois Alcayde Dans ten xa catro libros publicados, ademais de participar de dúas obras colectivas. O autor conta que lle gusta ler ao aire libre pero que «por circunstancias da vida, anda lendo en calquera sitio».


Agora vive entre a súa Coruña natal e a Compostela dos anos de universidade e mocidade. O tren é un lugar que une as cidades de Lois, e no que atopa inspiración e historias. A máquina para nos mover, símbolo do progreso industrial, é unha «especie de espazo que non é espazo, ten ese sentido de tempo dentro do tempo». Atopamos así un certo parecido entre o transporte ferroviario e o libro, que «non deixa de ser un lugar de paso cara a outro, porque o máis importante non é o libro en si, senón a historia á que te leva», reflexiona Lois.


Ao baixar na estación atopa con outro ecosistema de creatividade literaria, «unha Compostela de contrastes enormes no seu urbanismo». O «tópico de cidade santa, medieval, que tamén é, xunto con Roma e con Xerusalé», convive coa «agresividade do urbanismo demoledor do ensanche, que non é interesante para vivir, pero si para facer historias». Ademais, súmase «a amabilidade do verde, da auga», tan presentes na cidade. O resultado final da cidade universitaria, «un xogo estético moi interesante para a escrita».



Os jeans de María e o que queda por escribir


Os jeans de María publicouse hai tres anos para amosar a través de relatos o diálogo entre a forma de vivir das persoas e as situacións que transitan neste mundo tolo. A Coruña é o escenario principal ao que nos achega Lois mediante unha escrita moi visual, aínda que tamén atopamos outras localizacións coma Madrid. Ademais de indagar sobre a intimidade do ser humano, na obra destaca o afán por describir a beleza do común, facer literatura do cotián.


Nesta intensidade da persoa sentida e na profesión que escolleu, o xornalismo, atopamos paralelismos cun dos personaxes que habita Os jeans de María, o Almiña. Ao preguntar a Lois por esta conexión entre a súa vida e obra, di que «o libro é unha cartografía íntima» que «abre a porta ao neno interior, e no que se reflicten os medos, as emocións, as pulsións vitais…» Precisamente a historia que dá nome ao libro recolle unha experiencia da nai do autor, na que os grises entraban para reprimir unha protesta no instituto de Zalaeta, no 1976.


Agora, Lois anda enredado nun novo poemario, nun libro de relatos colectivos e coa idea de facer narrativa paranenos. Pero o tempo é o que é. Ao falar sobre a regulación deste, Lois afirma que «reivindicar o tempo propio tamén é un acto político e algo necesario, urxente». Explica que o feito de artellármonos a vida arredor da xornada laboral «ten un punto certamente demencial» e que «malia entender o traballo coma a única opción de vida, debemos quitarlle presenza para darlla ao benestar». Dirá o tempo a onde chegan este tren-bala de escritor e a súa escrita. Polo de agora, Os jeans de María é unha parada con vistas.



Comentários


© 2023 by Train of Thoughts. Proudly created with Wix.com

bottom of page