O derradeiro poemario de Luísa Villalta
- cunchasmagazine

- 25 nov 2021
- 2 Min. de lectura
"As palabras ingrávidas" é unha obra inédita, póstuma e inacabada, debido á prematura morte da autora, que se publicará o primeiro día do vindeiro ano 2022
Amara Fontao | 17 novembro, 2021

As derradeiras verbas escritas por Luísa Villalta antes de morrer o 26 de febreiro do 2004, pasarán pola imprenta para chegar aos ollos dos lectores e lectoras no primeiro mes do vindeiro ano. O poemario, As palabras ingrávidas, que a escritora e violinista nunca chegou a rematar, será publicado nunha edición facsimilar que edita o Centro Ramón Piñeiro e a Xunta.
A obra a piques de se publicar conta tamén cun estudo introdutorio elaborado polo secretario xeral do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo, que achega aos lectores e lectoras a biografía e a traxectoria artística de Luísa Villalta. «Intentei reconstruír os seus pasos para que quede patente a dimensión descomunal que ten a súa figura e a súa escrita. Non só foi unha poeta de primeira orde na literatura galega, tamén foi unha narradora de referencia, unha dramaturga pioneira e unha ensaísta seguida», expón Requeixo. Avisan dende o Centro Ramón Piñeiro, institución que custodia, cataloga e dixitaliza o legado de Luísa Villalta, que aínda resta obra inédita da autora por publicar.
Á presentación d'As palabras ingrávidas acudiron, ademais de Armando Requeixo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a nai e a irmá de Luísa, María Gómez e Susana Villalta. Esta última amosou o contento da familia da poeta con emotivas palabras: «Para nós este novo poemario que recuperamos é unha dobre ledicia. É un libro ata agora descoñecido e foi, ademais, o derradeiro que escribiu, o que fai desta recuperación non só un evento literario, senón tamén un momento emotivo para nós».
Velaquí algunhas das «palabras ingrávidas» polas que agardamos o xaneiro.
O exterior
baila nas sombras
mentres na mente
un ventre proxecta
nove meses de
inacción.
E son as sombras
son as sombras
resoando a danza
do alumear
que provoca
o parto.

As palabras ingrávidas
Luísa Villalta
Editan Centro Ramón Piñeiro e Xunta de Galicia
Publicación Xaneiro 2020
Lingua Galego
Páxinas 128
Prezo 24,38€






Comentarios