top of page

Manual para ser escritora: introdución á creación literaria da man de Vanesa Santiago

  • Foto del escritor: cunchasmagazine
    cunchasmagazine
  • 10 nov 2021
  • 2 Min. de lectura

Actualizado: 18 nov 2021

A escritora e bibliotecaria conta a súa experiencia como primeira gañadora do Premio Illa Nova de Galaxia, cuxa última edición vén de ser convocada


Amara Fontao | 10 de novembro, 2021


Vanesa Santiago coa obra gañadora do Premio Illa Nova 2017, na biblioteca na que traballa

Como nace unha escritora non é unha cuestión á que se responde cunha resposta pechada. Para iniciar o traballo de campo que dea luz a esta pregunta, examinamos a Vanesa Santiago, unha bibliotecaria e escritora sadense cuxa obra A vida sinxela de Marcelo Firmamento mereceu o primeiro Premio Illa Nova de Galaxia, no 2017.


A última edición deste certame acaba de ser convocada pola editorial galega, que aceptará manuscritos até o 14 de febreiro do vindeiro ano. A existencia dunha data límite axudou a Vanesa a «sacar fóra a historia que tiña que contar», o premio coma «catarse persoal», que é precisamente o que se pretende acadar dende a organización: «estimular» e «abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria».

Porén, advirte Vanesa que esa presión que funciona para ela, non ten por que ser para todo o mundo. Antes desa posta en marcha das letras sobre o papel, cómpre concebir a historia, para o cal, tampouco hai unha fórmula. «Ler moito. Observar moito. Ter moita curiosidade. Amar o xogo da imaxinación. Ter empatía coas outras persoas. Unha mestura de todo. Para facer a novela só preciso tempo, coa forza de vontade que supón para roubarllo a outras afeccións, e capacidade de abstracción», explica a autora.

Unha vez as aventuras fantásticas de Marcelo Firmamento acadaron unha forma concreta e definitiva no libro —algo que se di rápido mais que se fai a outra velocidade—, Vanesa confiaba na historia, pero non contaba con gañar o premio, xa que «hai moita calidade entre a nova xeración literaria deste país». Para ela foi máis un «reto persoal». Publicar unha obra é outro atranco ao que unha escritora debe facer fronte e para o cal, tampouco existe unha solución máxica. «Presentarse a premios funciona, até aos pequenos», explica Vanesa, «tamén ter a paciencia de enviar o teu manuscrito a diferentes editoriais». Este último proceso require de máis tempo e paciencia, ademais de requerir a prudencia de ter rexistrado o libro con antelación, para evitar un posible plaxio.


Con todo, «faise camiño ao andar», como escribiu Antonio Machado. Nin tan sequera se pode asegurar que exista unha definición acertada ao que significa ser escritora. A significación que dá a Real Academia Galega é «persoa que escribe obras científicas ou, sobre todo, literarias». Porén, poderían entrar en xogo outras cuestións: se é preciso ou non publicar para considerarse escritora, serve escribir calquera xénero, débese acadar un mínimo de «calidade»… Aquí a resposta volve a ser libre, porque a literatura sitúase no eido da abstracción, da sensibilidade, dos desexos e das pulsións da natureza humana. Para Vanesa Santiago, unha escritora é «nada máis ca unha lectora ao outro lado do espello», e Gabriel García Márquez dilucidou que move a unha autora é «explicarse a si mesma o que non se pode explicar».


Comments


© 2023 by Train of Thoughts. Proudly created with Wix.com

bottom of page